jueves, 28 de octubre de 2010

Primeira gran batalla

Despois de moito bregar (e non sabedes canto) contra todas as trabas técnicas, mañá enfrontamos o primeiro gran reto: os rapaces de ADCOR van ver a súa curta despois da montaxe. Non é a gran premiere que queremos darlle ao proxecto, case pódese entender coma un último visto bo dos rapaces sobre o tratamento que lle estamos a dar ao seu traballo, pero, de todas as maneiras, a responsabilidade é grande e espero, coma sei que espera o resto do equipo, cunha mestura de medo e ilusión, o día de mañá, onde veremos as súas caras mentres eles se ven diante da cámara e se lembran estando tras dela. Porque sobre todo, non podemos esquecer que a nosa primeira responsabilidade é con eles. E este é un reto importante. Case o que máis.

martes, 24 de agosto de 2010

Pasiño a pasiño faise o caminiño...

O camiño que estamos a percorrer agora é arduo, moitas veces tedioso, enchido de pelouros e chanzos moi altos... e cunha meta difícil de alcanzar sen trabucarnos ou tropezar na viaxe.

Temos as ilusións de moita xente na nosa man...

E lembrámonos todos os días cando vemos as imaxes, unhas imaxes que parecen ter sido gravadas fai un ano cando non fai un mes...

Queremos deixar constancia das nosas intencións: tardaremos máis ou menos, pero sempre daremos o máis, non imos deixar que merme a gana de facelo ben neste intre tan decisivo.

ALÁ IMOS!


P.D.: Berta, grazas pola axuda ;)

viernes, 6 de agosto de 2010

A montar

O bruto do documental xa está visualizado... ¡A montar!

jueves, 5 de agosto de 2010

A que vos somos ben feitiños?

Por fin podemos disfrutar da primeira fornada de imaxes do obradoiro en Adcor, por cortesía da fotógrafa Rosa Gallego. Un verdadeiro luxo terte connosco! Artistaza!

Aquí as tedes, á dereita. Agora poderedes comezar a entender por que estamos tan ledas de ter vivido esta experiencia :)

A galería de Rosa.

martes, 3 de agosto de 2010

MÚSICA!

O domingo pola noite fixemos un chamamento na procura de temas musicais para ambientar os nosos vídeos. En menos de 24 horas recibimos varias respostas positivas.

Nós, que procedemos tamén do eido creativo, sabemos o esforzo que conleva facer un traballo, darlle vida, poñer o tempo, os miolos e o corazón nel... e que despois a meirande parte do mundo non se decate do que aí dentro hai, e que mesmo lle quiten importancia porque pensan que pode facelo calquera, e non o valoren xustamente.

Por iso apreciamos aínda máis se cabe o xesto que tivéchedes ao ofrecervos desinteresadamente e case a cegas, sen ver nada do traballo que estamos a desenvolver. Moitísimas grazas de todo corazón, especialmente a Suso Aboy, The Bluesomes e Bon A Chic, que xa confirmaron a súa colaboración.

Esperamos que vos levedes algo bo disto, alomenos unha experiencia enriquecedora coma a que estamos vivindo nós. Eu persoalmente recuperei a confianza no ser humano. Que non é pouco.

domingo, 1 de agosto de 2010

UN MES

Un mes máis ou menos é o que queda para que o proxecto teña que estar listo.

Falta moito por facer, sobre todo e o máis importante: montar. Será un traballo difícil... Non será sinxelo que catro persoas nos poñamos dacordo.

Falta tamén outro tipo de traballo do que non nos gusta falar: xuntar papeis, documentos, datos, que den coherencia e que xustifiquen todo esto. ¿Puro trámite? Ao mellor.

E falta pensar e preparar o que vendrá despois.

Asusta saber que imos durmir pouco, comer mal, discutir (¿por que non?), a desesperarnos ás veces. Pero temos o material e as ganas. E o imos facer ben. Seguro.

jueves, 29 de julio de 2010

Final ou principio?

Onte foi a festa de despedida dos rapaces.

Bágoas, risas, agasallos e algún que outro cabreo pero sobre todo a sensación de que foi curto. Ou longuísimo. Ou non sei.

Esta mañá tocaba reconducir o proxecto: rematado o traballo de campo toca a parte "escura"do audiovisual: as horas diante dos ordenadores, facendo chamadas, xestionando... todas esas tarefas que han convertir un montonciño de cintas e tarxetas que se amorean a un lado da miña mesa nun produto audiovisual.

Mentres facía isto, de repente, dende o ordenador do lado donde estaba María a traballar, coláronse as voces deles, dos rapaces, e sorrín antes de decatarme de que, a partir de agora,  aínda que o traballo máis estresante xa rematou, o que queda, aparte de máis arduo, vai resultar moito máis aburrido, máis triste.

Este último mes case me desespero: eran demasiadas cousas que facer, demasiado que controlar, demasiadas cousas que podían saír mal. Pero sempre, sempre, rin, cada día, en cada sesión. É probable que agora a tarefa resulte máis tranquila, que as tensións sexan outras, pero o que hoxe notei é que nesta parte do traballo que agora comezamos ninguén me vai garantir un sorriso diario.


E iso non me gusta nada.

martes, 27 de julio de 2010

Os días

Os días pasan e case sen decatarnos xa estamos no final da rodaxe.

Hoxe, por primeira vez, senteime con calma a ver algo do material gravado e o primeiro que pensei foi en canto tempo parecía ter pasado.

E que nos pillara o tren con isto do blog.

E facer propósito de enmenda.

Hoxe vin as tomas das primeiras reunións cos voluntarios. E lembrei todos os nervios. Faces que logo non foron, Faces que foron e que resultaron imprescindibles. Rostros coñecidos e descoñecidos.

Hoxe me vin vendo a Brân, a Juan, a Ana e a Andrés por primeira vez. E hoxe alegreime moito. Non sei se escollemos aos máis capacitados, pero si sei que os volvería a elixir e que contaría con eles para calquera outro proxecto que se me puxera diante. Insustituibles todos, coma Rosa, coma Ulises...

Hoxe só vexo moito traballo por diante. Moitas horas de ordenador, moitísimos momentos roubados ao taller de A Máis que imos ter que visionar, minutar, anotar... pero, saia o que saia disto, eles foron os mellores.


Agora só nos queda estar á altura.

jueves, 8 de julio de 2010

Comezo

Primeira semana de taller, de proxecto, de A Máis. Primeiro encontro coas persoas que se apuntaron. Primeiras sorpresas.

Sorprendéronme eles, por divertidos, por espontáneos, polas súas reaccións. Por querer ser protagonistas dunha película, por teres ganas de facer tantas cousas e polo seu afán de independencia.

Sorprendéronme os meus compañeiros, polo seu manexo da situación, por facer que eles se divirtan, aprendan e queiran volver.

Sorprendinme eu mesma ao pasar, o primeiro día, unha tarde tan divertida; por emocionarme cando cheguei o segundo e me saudaron desde lonxe gritando o meu nome.

Parece que o guión avanza, que xa hai historia. E parece que, como nos tiñamos proposto, vai poder ser protagonizada por calquer tipo de persoa. Sí, as ideas que trouxeron teñen que ver co seu día a día, que non é fácil, pero e que, como eles, todos nos temos sentido cansos algunha vez.