jueves, 29 de julio de 2010

Final ou principio?

Onte foi a festa de despedida dos rapaces.

Bágoas, risas, agasallos e algún que outro cabreo pero sobre todo a sensación de que foi curto. Ou longuísimo. Ou non sei.

Esta mañá tocaba reconducir o proxecto: rematado o traballo de campo toca a parte "escura"do audiovisual: as horas diante dos ordenadores, facendo chamadas, xestionando... todas esas tarefas que han convertir un montonciño de cintas e tarxetas que se amorean a un lado da miña mesa nun produto audiovisual.

Mentres facía isto, de repente, dende o ordenador do lado donde estaba María a traballar, coláronse as voces deles, dos rapaces, e sorrín antes de decatarme de que, a partir de agora,  aínda que o traballo máis estresante xa rematou, o que queda, aparte de máis arduo, vai resultar moito máis aburrido, máis triste.

Este último mes case me desespero: eran demasiadas cousas que facer, demasiado que controlar, demasiadas cousas que podían saír mal. Pero sempre, sempre, rin, cada día, en cada sesión. É probable que agora a tarefa resulte máis tranquila, que as tensións sexan outras, pero o que hoxe notei é que nesta parte do traballo que agora comezamos ninguén me vai garantir un sorriso diario.


E iso non me gusta nada.

martes, 27 de julio de 2010

Os días

Os días pasan e case sen decatarnos xa estamos no final da rodaxe.

Hoxe, por primeira vez, senteime con calma a ver algo do material gravado e o primeiro que pensei foi en canto tempo parecía ter pasado.

E que nos pillara o tren con isto do blog.

E facer propósito de enmenda.

Hoxe vin as tomas das primeiras reunións cos voluntarios. E lembrei todos os nervios. Faces que logo non foron, Faces que foron e que resultaron imprescindibles. Rostros coñecidos e descoñecidos.

Hoxe me vin vendo a Brân, a Juan, a Ana e a Andrés por primeira vez. E hoxe alegreime moito. Non sei se escollemos aos máis capacitados, pero si sei que os volvería a elixir e que contaría con eles para calquera outro proxecto que se me puxera diante. Insustituibles todos, coma Rosa, coma Ulises...

Hoxe só vexo moito traballo por diante. Moitas horas de ordenador, moitísimos momentos roubados ao taller de A Máis que imos ter que visionar, minutar, anotar... pero, saia o que saia disto, eles foron os mellores.


Agora só nos queda estar á altura.

jueves, 8 de julio de 2010

Comezo

Primeira semana de taller, de proxecto, de A Máis. Primeiro encontro coas persoas que se apuntaron. Primeiras sorpresas.

Sorprendéronme eles, por divertidos, por espontáneos, polas súas reaccións. Por querer ser protagonistas dunha película, por teres ganas de facer tantas cousas e polo seu afán de independencia.

Sorprendéronme os meus compañeiros, polo seu manexo da situación, por facer que eles se divirtan, aprendan e queiran volver.

Sorprendinme eu mesma ao pasar, o primeiro día, unha tarde tan divertida; por emocionarme cando cheguei o segundo e me saudaron desde lonxe gritando o meu nome.

Parece que o guión avanza, que xa hai historia. E parece que, como nos tiñamos proposto, vai poder ser protagonizada por calquer tipo de persoa. Sí, as ideas que trouxeron teñen que ver co seu día a día, que non é fácil, pero e que, como eles, todos nos temos sentido cansos algunha vez.

miércoles, 7 de julio de 2010

Cóntame algo...

Hoxe tocou guión, é dicir, pensar en que imos relatar no corto. Unha tarefa difícil, non só polo esforzo que supón trasladar pensamentos a palabras e despois poñelos en imaxes, senón porque tampouco é doado poñer a tanta xente dacordo.

Pensabamos que ía ser a tarde máis aburrida, a máis complicada de levar adiante... pero atopamos un nivel de participación marabilloso e unhas ganas tan fortes de contarnos cousas... porque, no canto de propor "contos" de riso ou de medo, coma nós esperabamos, a grande maioría dos rapaces botáronse a falar de si mesmos, a contarnos a súa historia persoal, os seus temores, as súas inquedanzas, as súas loitas diarias...








































Como mostra, o texto que trouxo Fran, o primeiro valente en contar algo diante de todos.


E xa temos a historia máis o menos decidida entre todos. Non é de rir... pero seguro que a moitos vos fará sorrir.

E ao fin...chegou o día

E foi onte. E foi ben. E foi tan ben que non o creo case.

Onte. Onte cunha equipa pouco coordinada empezamos o taller cos rapaces. A idea era recrear un casting coma os da tele. Coma os que coñecen. E a verdade e que resultou.  Impresióname sempre a reacción destes rapaces ante as actividades. E a súa sinceridade. Uns bailaron, outros recitaron e outros contaron chistes. Todos con moita mellor disposición que nós ante as cámaras salvo honrosas excepcións.

Ao final, eles, os nosos trece rapaces,  nos fixeron o casting a nós. A matar, coma sempre. Coas preguntas por diante. O dito: moito máis afeitos ca nós.

Se teño que quedar cunha impresión de onte, o noso primeiro día, e a de que as cousas rodan. Quedo coa imaxe do ambiente creado, das risas, da coordinación que dende os primeiros momentos torpes foi xurdindo entre a equipa, e sobre todo, da actuación do noso mestre de cerimonias: grazas, Juan.

Ata mañá a todos. Toca guión.